Aproin Digital 180 / Reforma de piso. Vigo  

Reforma de piso. Vigo

Polo notable cariño posto na recuperación das pezas orixinais de carpintería e ferraxes, coa habilidade de xerar unha imaxe global limpa que salienta o valor da vivenda, así como pola acertada conxunción das novas pezas de mobiliario cos distintos espazos, cunha estudiada elección de materiais e correcta execución dos detalles.

Arquitectos
Ramón Viéitez Rodríguez. Alberto Cebral Loureda
Brais Barreiro Carrera

Na esquina entre as rúas Carral e Fermín Penzol atópase este edificio senlleiro e catalogado. Con graves defectos na estrutura de madeira do chan do terceiro piso procedimos a un proxecto de rehabilitación integral que incluíu a ancoraxe de 3 das vigas principais danadas a través dun sistema de cables de aceiro que penduran dunha viga metálica instalada no teito entre dúas das medianeiras.

Unha vez asegurada a parte estrutural, o proxecto centrouse nunha rehabilitación interior do piso terceiro modificando os acabados, partes da distribución e deseñando o mobiliario fixo.

A idea foi traballar con superficies blancas en chans, teitos e paredes e madeira de roble naqueles rincóns e elementos que queríamos deseñar e destacar, armarios, cociña, escritorios e bancos.

Todas as portas preexistentes foron restauradas e reutilizadas, tanto a da entrada como as de paso interior. Introducimos novas instalacións de calefacción e electricidade, fiestras exteriores e forramos a fachada do patio cun SATE para mellorar a envolvente térmica.