Aproin Digital 180 / Centro Cultural e Turístico Antonio Fraguas  

Centro cultural e turístico Antonio Fraguas. Cerdedo-Cotobade

Por construír un edificio público singular, ben composto e ben relacionado co seu espazo exterior, sen borrar a memoria do edificio preexistente.

Arquitecta
María García Couto

Promotor
Concello de Cerdedo - Cotobade

Constructor
Coviastec S.L.

O proxecto consiste na rehabilitación do antigo cinema - baile de Carballedo para o seu uso como Centro cultural e turístico Antonio Fraguas.

O edificio está situado na entrada do núcleo urbano de A Chan, ao pé da estrada e próximo á casa do concello, nun territorio que aínda conserva o marcado carácter propio da herdanza rural tradicional.

O programa de necesidades demandado consiste nunha sala de usos múltiples para conferencias, proxeccións, concertos, etc., unha aula para actividades formativas (coa posibilidade de dividila en dúas para simultanear usos), un vestíbulo para recepcións, exposicións, reunións, etc., e o resto do programa de servizos (almacén, aseos, cuarto de instalacións, ascensor).

Para acoller o novo programa faise preciso ampliar o edificio. Decídese introducir unha nova planta aproveitando a xenerosa altura da que xa dispón o inmoble, elevando a cuberta o mínimo imprescindible e mantendo a pendente existente. Tamén se decide rebaixar a cota interior da planta baixa intentando controlar a nova liña de cornixa de xeito que o desnivel existente no terreo permita dotar a cada planta de acceso e funcionamento independentes.