Aproin Digital 180 / Reforma e ampliación de vivenda unifamiliar illada con garaxe, pérgola e piscina  

Reforma e ampliación de vivenda unifamiliar illada con garaxe, pérgola e piscina. Gondomar

Por tratarse dun exemplo perfecto de intervención de rehabilitación e ampliación de vivenda nun ámbito rural, no que se consegue a perfecta harmonía e transición volumétrica entre a construción preexistente tradicional e os novos volumes, de acento intencionadamente contemporáneo.

Arquitecto
Antonio Soliño Troncoso

Constructor
Construcciones Vigape, S.L.

Fotografía
Enrique Touriño Marcén

A casa vernácula xa estaba parcialmente intervida seguindo as pautas dun proxecto que nos encargaran outras persoas, relacionadas afectivamente cos novos propietarios-promotores. Diferentes promotores significou distinto programa de necesidades e menor orzamento dispoñible. A demanda consistía na redacción dun proxecto que, inda partindo de dúas alturas na preexistencia, dese resposta a un programa completo de vivenda unifamiliar totalmente accesible, incluindo o lecer exterior e o acceso, para unha parella moza interesada en reunir con certa frecuencia pequenos grupos de amigos en festas informais.

A preexistencia traía incorporada unha eiva á que o proxecto debería enfrontarse na ampliación de volume: a altura total dende o nivel do pavimento do primeiro andar (soleiras pétreas dos ocos dos muros) ata a cara inferior do hipotético beiril da cuberta
(remate do muro de granito) era de 2,40 metros.

Tras buscar unha solución para resolver o contacto da ampliación de tal xeito que non interrompese fisicamente as liñas de silueta delimitadoras do volume da peza vernácula, tómase a decisión proxectual de que todas as perforacións a practicar nos muros da ampliación cheguen ata o chan buscando dar continuidade visual, emocional e física ao plano horizontal privado e transitable que en realidade é toda parcela para unha casa de campo.

Ademais, no baixo da casa vernácula resolveuse un mínimo programa complementario para atender imprevistos e convidados.