Aproin Digital 180 / Horta e invernadoiro en Culler de Pau  

Horta e invernadoiro en Culler de Pau.
O Grove

Pola integridade da actuación en termos de produtividade, deseño e adecuación ao entorno. Valórase o xeito multiescalar no cal, invernadoiro, parterres, percorridos e sistemas de xestión da auga se adecúan ao programa solicitado sen distorsionar a paisaxe.

Arquitectos
Faustino Patiño Cambeiro | Juan Ignacio Prieto López
(Prieto Patiño Arquitectura)

Promotor
Culler de Pau

Constructor
Obras y Reformas García Torres, S.L.
Ebanistería do Acibreiro

A singularidade do restaurante Culler de Pau reside no territorio e nas súas materias primas, que proceden de produtores e provedores locais. Unha paisaxe privilexiada, coa presenza constante da ría de Arousa e dos illotes de Noro e Vionta, que fan chegar aos pratos dos seus comensais. Produtos de tempada, de maduración lenta e específicos da súa contorna, conformando unha proposta estacional e sostible. Cociñar as estación, aproveitando o que ofrecen a horta, a lonxa e os bosques: espárragos brancos, chícharos e tomates no verán que acompañarán o peixe azul; cogomelos no outono; caldos e guisos no inverno; brotes, froitos e flores na primavera.

Pero Culler de pau pretende dar un paso máis, levando a cociña e a investigación á súa propia horta, impulsando un proxecto de recuperación productiva e paisaxística dun lugar fantástico pero moi alterado.

Partindo destas premisas, a nosa estratexia de implantación baséase en recuperar as parcelas e cultivos que estruturaban os usos produtivos do lugar, seguindo as fotografías dos voos americanos dos anos cincuenta, para construír un espazo propio que inclúa hortas, un invernadoiro e a plantación dun bosque comestible.

Unha secuencia de bandas de cultivo lineais compleméntase cunha construción que, seguindo as mesmas trazas, albergará o invernadoiro e o centro de I+D. Búscase unha construción extremadamente lixeira e permeable, que non interrompa visualmente o trazado lineal das hortas, cunha estrutura mixta de pórticos de madeira e arriostramentos metálicos, inspirada na eficacia e beleza dos viñedos adxacentes, sobre unha estrutura prefabricada de formigón que actúe como cimentación e permita o desmantelamento completo e a reutilización no futuro sen deixar pegadas no territorio.

A regulación da temperatura e da humidade conséguese mediante portas deslizantes nas cabeceiras que permiten o paso da brisa mariña nos meses de verán e un sistema de fiestras corredizas automatizadas na cuberta, unidas ás xuntas abertas dos paneis de vidro e o cumio, conseguindo unha ferramenta de control científico dos elementos naturais.

As augas pluviais son recollidas en tubos de drenaxe perimetral e reutilizadas para o rego e a fonte pensada para cultivos hidropónicos e a reunión de veciños, produtores, empregados e comensais arredor do fluxo continuo de auga.

Uns camiños de grava confinada estruturan os recorridos na parcela e permiten percibir o ciclo completo, dende a plantación ata o tratamento dos residuos nos composteiros integrados neste espazo produtivo.

Esta nova instalación tamén forma parte da estratexia de I+D de Culler de Pau, que se destinará a reunións multidisciplinares con expertos, centros de investigación, empresas e entidades públicas. Tamén aspiran a abrir o espazo á formación e visitas escolares para a difusión do medio rural, a gastronomía e a sustentabilidade. E, por suposto, suporá unha nova experiencia para os comensais, que poderán entrar en contacto cos produtos que poderán degustar na mesa pouco despois.

Culler de pau, o único restaurante de Galicia con dúas estrelas Michelín e unha estrela verde, que recoñece o seu compromiso coa sustentabilidade, crece cara a horta.