Premios Gran de Area 2025

Os premios «Gran de Area de aportación a Arquitectura» son unha aposta do Colexio de Arquitectos de Galicia nas provincias de Pontevedra e Ourense, para o recoñecemento do traballo de arquitectos, promotores, aparelladores, construtores e demais colaboradores necesarios, nas obras e proxectos de calidade desenvolvidos nas demarcacións de Vigo, Ourense e Pontevedra.

Conforme á convocatoria realizada, un total de 60 propostas foron presentadas á edición 2025 dos Premios Gran de Area. O xurado da presente edición emitiu o seu fallo polo cal destaca 12 das candidaturas presentadas.

De acordo co previsto nas Bases dos Premios, o xurado está integrado polas seguintes persoas:

  • Dª. Emma Noriega García, en calidade de Presidenta da Delegación en Ourense do COAG.
  • D. Anselmo Villanueva Peón, en calidade de Presidente da Delegación en Pontevedra do COAG.
  • Dª. Sonia Alvarado Peitieiros, Tesoureira da Delegación de Vigo do COAG, que actúa como do Xurado, en substitución de Manuel Martinez Carazo Presidente da Delegación de Vigo do COAG.
  • Dª. Sandra González Rodríguez, colexiada da Delegación de Ourense seleccionado pola Xunta Directiva de Ourense.
  • Dª. Carolina Mateos Escudero, colexiada da Delegación de Pontevedra seleccionada pola Xunta Directiva de Pontevedra.
  • Dª. Rosa Mouriño Pérez, colexiada da Delegación de Vigo seleccionada pola Xunta Directiva de Vigo.
  • D. Jorge Enríquez Méndez, colexiado seleccionado entre os premiados nos Premios “Gran de Area” da edición anterior, consensuado polas tres Delegacións.
  • Dª. María García Couto, en calidade de Secretaria da Delegación en Pontevedra do COAG, que actúa como secretaria do Xurado, con voz pero sen voto.

As propostas recibidas amosaron unha notable diversidade tanto nas súas características como na súa escala, incluíndo proxectos de carácter residencial, dotacional e de espazo público, así como intervencións de restauración, rehabilitación, deseño de interiores e outras actuacións de distinta entidade e complexidade arquitectónica.

A sesión deu comezo co visionado e valoración das cincuenta e sete propostas admitidas. Realizouse unha primeira votación preliminar e, posteriormente, un debate en profundidade sobre as obras mellor valoradas, ata acadar o consenso final do xurado.

Maniféstase satisfacción pola alta participación e pola notable calidade e diversidade das obras presentadas, que fixeron especialmente complexa a selección final. Neste contexto, as obras premiadas destacan como aquelas que achegan contribucións particularmente valiosas á arquitectura, exemplificando rigor, sensibilidade e calidade arquitectónica.

O xurado acordou finalmente seleccionar 12 das 57 obras avaliadas, que resultaron ser as seguintes:

ALPENDRE REITORAL SANTIAGO DE RÁBEDA

POLÍGONO 51 PARCELA 460, A TOUZA, TABOADELA, OURENSE
CANDELARIA CECILIA LÓPEZ MUIÑOS | JUAN JOSÉ OTERO VÁZQUEZ

O xurado destaca a posta en valor dunha tipoloxía frecuentemente esquecida e, ao mesmo tempo, de grande relevancia na paisaxe rural galega: a pequena edificación agrícola. Faino mediante a reinterpretación contemporánea de recursos da arquitectura popular, como a fragmentación volumétrica, a adaptación á escala vernácula e a recuperación da cuberta a dúas augas. Salienta tamén a reutilización de materiais e o uso de recursos naturais e locais, especialmente a madeira de piñeiro de Galicia. Todo isto permite acadar unha integración adecuada na contorna, resultando unha intervención sustentable, coherente e profundamente respectuosa coa memoria construtiva do lugar.

RECONSTRUCIÓN DE EDIFICACIÓN PARA ALOXAMENTO PÚBLICO TEMPORAL

LUGAR MUIMENTA 19, CARBALLEDA DE AVIA, OURENSE
PABLO LÓPEZ PROL

O xurado valora unha intervención que supera a simple reposición do existente para dotar ao inmoble dun carácter propio, respectuoso co orixinal pero plenamente contemporáneo. A actuación mantén a volumetría e escala da edificación tradicional, ao tempo que introduce decisións propositivas na elección de materiais, acabados e organización espacial, que actualizan o conxunto sen desvirtuar a súa identidade. Destácase así mesmo a recuperación dunha edificación arruinada para destinala a aloxamento público temporal, como resposta directa á escaseza de vivenda no municipio e parte esencial do programa das Aldeas Modelo, contribuíndo á fixación de poboación e á revitalización do territorio. O xurado recoñece tamén ao Concello de Carballeda de Avia, cuxa iniciativa resulta determinante para facer posible unha actuación que exemplifica o papel da arquitectura na revitalización social do medio rural.

MIRADOR DA PEIXEIRA E SUBIDA AO CAMPO DE SAN ROQUE

PORTONOVO, SANXENXO
GABRIEL ALARCÓN SABARÍS | LUCIANO GONZÁLEZ DOMÍNGUEZ | MIGUEL ESTÉVEZ GÓMEZ

O xurado destaca a capacidade desta intervención para reparar a relación entre o mar e a terra, derrubando unha barreira física e simbólica, recuperando a morfoloxía costeira orixinal e retecendo o tecido urbano existente. A sustentabilidade e a reutilización dos materiais procedentes do propio muro derruído convértense nunha auténtica tectónica do lugar, reforzando o significado do derrube e permitindo unha lectura máis aberta da fronte marítima, ademais de garantir a accesibilidade universal. A incorporación de vexetación autóctona contribúe a consolidar un espazo amable, continuo e plenamente conectado coa paisaxe litoral.

PAVILLÓN DE EVENTOS NO PAZO DA TOXEIRIÑA

LUGAR SILVOSO 1, MORAÑA, PONTEVEDRA
MAURO LOMBA MARTÍNEZ

O xurado distingue esta intervención pola execución dun elemento no que a resolución construtiva manifesta unha orde estrutural clara que se transforma en ornamento. Salienta a precisión no detalle e na resolución das ensamblaxes, permitindo unha lectura clara da montaxe do pavillón. O resultado é un espazo interior lixeiro, luminoso e transparente. Valórase tamén a integración estudada das instalacións, resolta mediante unha cámara de servizos na cuberta que preserva a limpeza da estrutura vista, así como o bo uso da madeira e o coñecemento construtivo aplicado nos detalles críticos.

REHABILITACIÓN E AMPLIACIÓN DE EDIFICIO DE VIVENDAS NA RÚA PROGRESO 57,59.

RÚA PROGRESO 57-59, OURENSE
MANUEL JORRETO DÍAZ

O xurado valora a obra pola súa capacidade de integrar unha linguaxe contemporánea nas plantas ampliadas sobre unha preexistencia histórica nas plantas inferiores, logrando unha lectura coherente do conxunto. A intervención na fachada, mediante a macla, o recuamento e a combinación dinámica de niveis, equilíbrase coa proporción e a aliñación de todos os ocos, de xeito que, aínda podendo realizarse dúas lecturas individuais, o conxunto ofrece unha imaxe harmoniosa e equilibrada. A distribución interior xera espazos de alta calidade, especialmente na zona de día, algo pouco habitual neste tipo de promocións.

OBRA NOVA E REHABILITACIÓN DE EDIFICIO PARA VIVENDAS, LOCAIS E GARAXES

RÚA DO MARQUÉS DE VALLADARES 39, 41, 43, VIGO, PONTEVEDRA
JESÚS IRISARRI CASTRO | GUADALUPE PIÑERA MANSO

O xurado valora esta obra pola súa capacidade para establecer un diálogo sensible e respectuoso entre a arquitectura preexistente e a nova intervención, recuperando o edificio Ribas e restituíndo a súa fachada orixinal como parte dunha lectura histórica continua da rúa. A organización do edificio ao redor dun único patio-paisaxe crea un interior luminoso e continuo que introduce a natureza no corazón do proxecto. A disposición pasante das vivendas, abertas tanto á rúa como ao patio, proporciona calidade espacial, ventilación natural e unha relación enriquecida co exterior, acadando unha integración exemplar entre memoria e contemporaneidade.

RESTAURACIÓN DA FACHADA OESTE DA CATEDRAL DE OURENSE.

PRAZA DE SAN MARTIÑO, OURENSE
MARÍA SONIA LÓPEZ CALVO | MANUEL SEOANE FEIJÓO

O xurado valora unha intervención complexa sobre un monumento catalogado como Ben de Interese Cultural. A obra destaca pola profunda lectura das distintas etapas construtivas e evolutivas da catedral, así como pola consideración dos seus valores históricos e artísticos, implicando decisións de grande complexidade e responsabilidade. A intervención permitiu poñer en valor as distintas fases históricas do edificio, recuperando decisións proxectuais orixinais que quedaran ocultas baixo modificacións posteriores. Destaca especialmente a restauración do conxunto escultórico do século XIII, ligado ao taller do Mestre Mateo, que posibilita a súa contemplación íntegra mediante a retirada da trazaría pétrea do século XVI e a incorporación dunha elegante carpintería de latón máis lixeira, desprazada cara ao interior, así como dunha nova vidreira artesanal que non interfire na lectura do conxunto. A obra exemplifica non só a aplicación rigorosa de criterios de restauración, senón tamén a recuperación sensible dos valores arquitectónicos e artísticos do monumento, respectando a súa evolución ao longo do tempo.

VIVENDA UNIFAMILIAR ILLADAVILASOBROSO, MONDARIZ, PONTEVEDRAFRANCISCO

JAVIER VÁZQUEZ FERNÁNDEZ | PERFECTO CENDÓN DOMÍNGUEZ | CENDÓN-VÁZQUEZ ARQUITECTOS, SCP

O xurado valora esta vivenda pola súa capacidade de integrar unha arquitectura contemporánea nunha paisaxe rural de edificación dispersa. O proxecto reinterpreta as formas de vida e as necesidades actuais nun contexto tradicional. A súa volumetría, sinxela e fragmentada, adapta a edificación á escala da contorna, mantendo un diálogo natural coas preexistencias. O emprego consciente de materiais e solucións construtivas contemporáneas, alleas ao imaxinario tradicional, convértese aquí nun valor engadido, ao contribuír a unha integración respectuosa e honesta coa paisaxe aberta na que se insire a vivenda.

CENTRO INTEGRAL DE SAÚDE (CIS) DA COMARCA DEZA-LALÍN

AVENIDA DE OURENSE 4 (ALTO DE VALES), LALÍN, PONTEVEDRA
JUAN RAMÓN IGLESIAS BABÍO | IVÁN LÓPEZ VEIGA | IGLESIAS Y VEIGA ARQUITECTOS SLP

O xurado valora a calidade arquitectónica e o rigor coa que se concibe o edificio, así como a súa excelente integración coa topografía e co tecido urbano. A proposta resolve unha parcela complexa mediante unha implantación clara, funcional e sensible cara ao espazo público. Destácase a relación co entorno, articulada a través de dúas prazas de acceso que organizan o conxunto e definen un esquema volumétrico ordenado, garantindo orientación natural, iluminación e confort tanto para usuarios como para o persoal sanitario. O resultado tradúcese nunha arquitectura pública próxima, eficiente e sostible, que entende o servizo sanitario como espazo de benestar para a comunidade.

CONSERVACIÓN DO MUSEO MASSÓ

BUEU, PONTEVEDRA
ALBERTO REDONDO PORTO | JOSÉ MARTÍN VALLADARES DURÁN | MARCIAL RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ

O xurado destaca esta intervención polo profundo respecto ás preexistencias e pola posta en valor das distintas etapas construtivas que conforman este singular conxunto patrimonial industrial. A análise rigorosa da evolución histórica dos edificios guiou unha actuación exemplar, na que cada fase da transformación do conxunto é comprendida e preservada. A restauración dos espazos permitiu adaptar o edificio ao uso museístico, aplicando oficios e técnicas tradicionais que aseguran a preservación da súa autenticidade. O resultado é unha intervención que exemplifica boas prácticas na conservación do patrimonio e na interpretación contemporánea da arquitectura industrial.

RESTAURACIÓN DA VIVENDA PARTICULAR DE XOSÉ BAR BOO, ARQUITECTO

RÚA DO MARQUÉS DE VALLADARES 27, VIGO, PONTEVEDRA
PABLO MENÉNDEZ PAZ

O xurado valora a extraordinaria sensibilidade coa que se aborda a restauración da vivenda particular do arquitecto Xosé Bar Boo, mostrando un profundo respecto pola obra orixinal e polos valores espaciais, construtivos e materiais que definen a súa arquitectura. Recoñécese a conservación da esencia deste patrimonio doméstico único, preservando a autenticidade dun proxecto que é ao tempo biografía e legado arquitectónico. A intervención, precisa e contida, afronta a restauración mantendo a coherencia formal e conceptual coa proposta orixinal de Bar Boo. O xurado salienta tamén o papel exemplar do promotor, que asumiu o compromiso de preservar e actualizar este espazo vital cun respecto admirable. O resultado é unha restitución serena e respectuosa da vivenda, reafirmando o valor da conservación fronte á transformación innecesaria.

ORDENACIÓN DO RECINTO MONACAL E ENCONTRO COSTEIRO DO REAL MOSTEIRO DE OIA

OIA, PONTEVEDRA

RODRIGUEZ+PINTOS ARQUITECTOS, SLP | SANTIAGO PINTOS PENA

O xurado valora esta proposta pola súa formulación respectuosa e polo compromiso de recuperar non só un conxunto patrimonial singular, senón tamén o modelo sustentable que sostivo historicamente a relación do Mosteiro coa vila e coa contorna. A proposta ofrece unha visión integral, incorporando a totalidade do recinto —edificios, hortas, xardíns e zonas forestais— para reinterpretar, desde criterios de sustentabilidade ambiental, social e económica, un ecosistema que combina conservación e novos usos compatibles co lugar. O xurado quere recoñecer tamén a visión e perseveranza dos promotores, que durante case dúas décadas mantiveron o compromiso de facer viable a recuperación e xestión deste Ben de Interese Cultural, contribuíndo á revitalización dun enclave arquitectónico e paisaxístico único no contexto galego.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Rellena este campo
Rellena este campo
Por favor, introduce una dirección de correo electrónico válida.
Tienes que aprobar los términos para continuar

Secciones

Y además…