Premios Gran de Area 2024

As Delegacións de Vigo, Pontevedra e Ourense do Colexio de Arquitectos de Galicia fallaron o pasado mes de novembro os galardóns dos Premios Gran de Area de Aportación á Arquitectura 2024. Estas distincións supoñen un recoñecemento ao labor conxunto e necesario de todos os axentes que interveñen no proceso de xestación e construción dunha obra de arquitectura de calidade desenvolta nas demarcacións de Vigo, Pontevedra e Ourense. O obxecto do certame é destacar o valor da obra arquitectónica, unha “pequena pero importante aportación á arquitectura, á creación e á posta en valor da contorna”.

Na edición de 2024 presentáronse 75 proxectos de moi diversas escalas e localizacións, que son o resultado que aglutina o mellor dos arquitectos e das arquitectas, pero tamén de todos os axentes de obra que os acompañan no proceso construtivo, como son os promotores, enxeñeiros, construtores e mesmo artesáns da madeira e do metal, entre outros.. Trátase de obras de carácter urbano, habitacional, industrial, comercial ou paisaxístico, e con escalas tamén moi diferentes, desde pequenas intervencións, case estratéxicas, a outras que mesmo resolven espazos urbanos a escala de cidade.

O xurado do concurso estivo composto polos presidentes das Delegacións de Pontevedra e Ourense, Anselmo Villanueva e Emma Noriega; a tesoureira da Delegación de Vigo en substitución do seu presidente, Sonia Alvarado; Santiago Pintos Pena, colexiado seleccionada entre os premiados dos Premios Gran de Area da edición anterior, consensuado polas tres delegacións; un colexiado de cada delegación seleccionado pola súa Xunta Directiva: Roberto González Fernández por Ourense, María Celsa Pesqueira Sánchez por Pontevedra, e Loreto Chamorro Nieto por Vigo; e a secretaria da Delegación de Vigo, Ana Pena Roces, que actuou como secretaria do xurado.

O xurado manifestou a súa satisfacción ao corroborar a notable cantidade de obras que concorren a estes galardóns, “un reflexo do interese e a participación no ámbito arquitectónico e un testemuño da dedicación e o esforzo que cada un dos participantes investiu nos seus traballos”. Tamén indicou que a calidade das obras foi “excepcional” o que é un claro indicio do bo facer e do talento das arquitectas e arquitectos galegos. “Apreciamos nas propostas unha diversidade moi rica e de alta calidade, que reflicten un compromiso inquebrantable coa excelencia no campo da arquitectura e a construción”–manifestou o xurado–. Seleccionou 12 obras (6 situadas na área de Vigo, 3 na área de Pontevedra e 2 na área de Ourense; ademais dun proxecto itinerante). A entrega de premios celebrarase o 25 de xaneiro no novo Edificio multiusos sociocultural de Tui (rúa Camilo José Cela), rehabilitado recentemente.

Os premios Gran de Area naceron en Vigo no ano 2001 co obxecto de poñer en valor e contribuír á harmonía entre arquitecto e promotor, e para acadar o mellor resultado arquitectónico e construtivo posible, converténdose na maior aposta e pulo para o recoñecemento social desta disciplina. Dada a expectación que xeraron, o certame ampliouse as delegacións de Pontevedra e Ourense.

Fotografías e memoria dos proxectos: https://www.coag.es/premios/obras/1

LISTAXE DOS PROXECTOS PREMIADOS PREMIOS GRAN DE AREA 2024

Rehabilitación Fondo de Vila

Rúa Fondo de Vila 32. Parada de Sil

Pablo López Prol

O eixo deste proxecto é restaurar unhas antigas construcións tradicionais para crear unhas novas vivendas que respecten os elementos etnográficos, mediante un corredor común e coa implementación de hortos comunitarios, se revitaliza a poboación de Parada de Sil preservando a súa rica herdanza cultural. O xurado valora especialmente os espazos do proxecto que fomentan a interacción e convivencia. Este enfoque non só beneficia aos actuais residentes, senón que tamén pode atraer a novos habitantes, asegurando así o futuro sostible da contorna rural.

Rehabilitación edificio de vivenda colectiva (8 vivendas)

Rúa García Olloqui, 3. Vigo

Pablo Menéndez Paz

Prémiase esta rehabilitación pola rompedora solución de ampliación de fachada que estando perfectamente integrada coa do edificio preexistente, xera un diálogo coherente e respectuoso entre o novo e o ben catalogado. A nova fachada constitúe unha reinterpretación do sistema porticado, utilizando o granito enxalzando a súa materialidade con pezas de grandes dimensións, dando profundidade aos pórticos e, deixando o cerramento e os ocos nunha posición recuada.

Catro cabanas

Polígono 49, parcela 304. Cocho, Marín

Alfonso Penela Fernández

O xurado premia esta simbiose perfecta entre arquitectura e natureza, que conta cunha solución construtiva e estrutural que se se fusiona co arborado existente na parcela creando unha fluída relación entre os espazos interiores e exteriores das cabanas, fomentando unha nova forma de desfrutar dun turismo mais ecolóxico.

Rehabilitación e ampliación de vivenda unifamiliar tradicional

Lugar Casal do Mendo-Campañó, 9. Pontevedra

Gabriel Alarcón Sabarís

Interesante ampliación dunha vivenda en ruínas, na que o xurado destaca o seu enfoque arquitectónico singular. Nesta obra o fío condutor entre a vivenda tradicional e o volume novo é a cuberta de formigón que cose ambas e que confírelle ao conxunto riqueza xeométrica e espacial, resolvendo tamén as necesidades funcionais dunha vivenda actual baixo a premisa da sustentabilidade económica.

Rehabilitación de pl. b e 1º en edificio para vivenda.

Rúa Hernán Cortés 49(b) 00-01. Ourense

Pablo Falcón Nóvoa

O xurado destaca a sobresaliente intervención realizada para transformar un conxunto de elementos inconexos e fragmentados situados no núcleo histórico de Ourense nunha vivenda contemporánea dotada dunha unidade e carácter distintivos. Sublíñase especialmente a recuperación do patio e o acceso que conta con acabados contemporáneos pero harmonioso coas edificacións do centro histórico. Este tipo de proxectos son vitais para a revitalización dos nosos centros históricos e son un precedente na forma de abordar futuras intervencións arquitectónicas.

Stand Coplant

Itinerante

Jorge Enríquez Méndez e Adrián Pinaque Alvite

O proxecto seleccionado de stand para exposición de plantas demostra a versatilidade e relevancia da profesión de arquitecto en ámbitos distintos á edificación e urbanismo. Este proxecto une sinxeleza, creatividade, funcionalidade e sustentabilidade. Os arquitectos premiados conseguen converter os espazos temporais de exposición de plantas en contornas atractivas mediante elementos sinxelos, enriquecendo así a experiencia dos visitantes.

Rehabilitación de vivenda unifamiliar

Lugar Fonteiriñas-Couso, 3. Gondomar

Ramón Viéitez Rodríguez e Alberto Cebral Loureda, do Estudio de arquitectura Arquetipos), e Brais Barreiro Carreira

A adaptación dunha vivenda tradicional para convertela nun fogar actual con baixo impacto ambiental é un proceso que require unha profunda reflexión sobre o uso de recursos e a relación coa contorna natural. A través da inclusión de elementos coma o acceso a través dun invernadoiro de vidro, a pérgola vexetal ou o estanque exterior, é posible non só revitalizar a edificación, senón tamén fomentar un estilo de vida máis consciente e en harmonía coa natureza. Esta rehabilitación non é só un proxecto arquitectónico; é unha declaración de compromiso cara a un futuro máis sostible.

Vivenda unifamiliar en Valadares

Polígono 205, parcela 133, Volta do Groño. Vigo

Faustino Patiño Cambeiro e Juan Ignacio Prieto López, do estudio Prieto Patiño Arquitectura

O xurado valora esta vivenda que destaca polos seus elegantes e sobrios volumes e pola súa construción mediante paneis prefabricados de madeira contralaminada e madeira cemento, nesta obra as modulacións do sistema estrutural axudan á configuración da vivenda e forman parte intrínseca dos espazos interiores creados.

Acondicionamento parcial de planta baixa para oficinas de produtora musical

Avenida Vigo (de), 3. Ponte Caldelas

Luciano González Domínguez e Miguel Estévez Gómez

Premiase esta obra pola valente proposta de microcirurxía e posta en valor de preexistencias para albergar unha produtora musical alternativa. Reutilízase un antigo negocio familiar hostaleiro, conseguindo así unha imaxe de marca na que a circularidade e o mantemento das pegadas do pasado xogan un importante papel.

Vivenda unifamiliar illada

Avenida Castelao, 0. Nigrán

Alfredo Sirvent Silveira

O xurado premia este proxecto dunha vivenda unifamiliar que xorde dunha dificultade urbanística. O muro curvo que xera a traza da aliñación axuda a configurar unha vivenda cuns espazos interiores dotados de amplitude, de grandes voos a modo de soportais en planta baixa, e ocos no andar superior que permiten percibir as vistas sen renunciar á intimidade.

Mellora e acondicionamento do «Carreiro do Rollo»

Rúas Victoriano Pérez Vidal e Rollo. Salceda de Caselas

Carlos Álvarez Ávila do estudio MUN Arquitectura, Deseño e Urbanismo

O eixo de este proxecto de urbanización se centra en por en valor a estrutura do viario existente cos peches tradicionais das leiras lindeiras. O xurado valora o uso dos materiais, a iluminación e o pequeno xesto de colocar un banco ao redor dunha arbore que xera un novo espazo de convivencia peonil.

Área de recepción de visitantes do BIC “Muíños do Folón e do Picón”.

O Rosal

Mauro Lomba Martínez

Neste conxunto prima a sobriedade para que a paisaxe sexa protagonista, os seus volumes de formigón camúflanse na contorna coma se fosen novos elementos pétreos. O xurado valora especialmente nesta obra o volume de aseos no que o fluxo da auga é o protagonista.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Rellena este campo
Rellena este campo
Por favor, introduce una dirección de correo electrónico válida.
Tienes que aprobar los términos para continuar

Secciones

Y además…