Medio Ambiente chama a buscar o máximo consenso na Cámara para garantir unha Lei de Rehabilitación que perdure no tempo
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, fixo un chamamento a todos os grupos da Cámara galega para buscar “o máximo consenso” entorno á futura Lei de Rehabilitación, a primeira deste tipo coa que contará a comunidade e que, segundo dixo, está chamada a perdurar a longo prazo.
Coincidindo co inicio da tramitación parlamentaria do texto, que será obxecto de debate na Cámara nas próximas semanas, Vázquez Mejuto incidiu na importancia deste texto, que busca facilitar a recuperación dos cascos vellos e tamén dos núcleos rurais, así como a protección de edificacións históricas.
Para logralo, lembrou que a lei elaborada polo seu departamento simplifica e axiliza os trámites para levar a cabo actuacións de rehabilitación; crea as chamadas áreas Rexurbe, zonas delimitadas nos concellos nas que se planificarán intervencións conxuntas e integrais co fin de reactivalas desde unha perspectiva multidisciplinar; fixa un canon para gravar os inmobles en estado de abandono dentro destas áreas; e establece un novo réxime sancionador específico para perseguir as pintadas e graffitis en edificios históricos.
Por iso e ante a relevancia da norma, a responsable de Medio Ambiente da Xunta apelou aos grupos da Cámara para que a primeira Lei de Rehabilitación de Galicia saia aprobada co máximo consenso posible para garantir que cumpra o seu obxectivo de perdurabilidade.
A futura normativa sobre rehabilitación, tal e como recordou a conselleira, enmárcase na aposta decidida da Xunta por esta materia, á que reservará nos orzamentos deste ano preto de 36 millóns de euros para financiar actuacións directas e axudas co fin de seguir avanzando cara a unha cultura de rehabilitación baseada no aproveitamento do patrimonio xa construído e no respecto ao carácter histórico das edificacións. Neste sentido, Vázquez Mejuto fixo balance do chamado Rexurbe, un dos programas para a rehabilitación de zonas degradadas máis destacados da Xunta e que foi convocado por primeira vez en 2018.
Tras lembrar que no marco deste programa a consellería realizou unha oferta pública de adquisición para a compra de inmobles nos cascos históricos de Ourense, Ferrol, Betanzos e Lugo, Ángeles Vázquez explicou que, froito deste proceso, acordouse adquirir un total de 26 edificios sobre os que se intervirá co obxectivo de obter unhas 50 vivendas. Para logralo, a Xunta ten previsto realizar un investimento de 8,7 millóns de euros, dos cales preto de 1,7 millóns destinaranse á compra dos inmobles seleccionados de entre todas as ofertas presentadas e o resto, a sufragar os custos de restauración e rehabilitación dos mesmos.
Á vista destas cifras, a conselleira de Medio Ambiente amosouse satisfeita cos resultados deste programa “pioneiro” en Galicia no seu primeiro ano de implantación e avanzou que se lle dará continuidade este ano.