Aproin Digital 135 / Instalaciones Eléctricas  

instalaciones eléctricas

Manoel da Costa

perito industrial pola eueti de vigo_

 
 
 

As instalacións eléctricas da ventilación de garaxes baixo o punto de vista da continuidade no seu funcionamento en caso de incendio

Escusatio non petita

Teño a sorte de ter moitos e moi bos amigos. Os mais deles é xente tranquila coa que se pode beber unha cunca de bo viño e comentar sen moito apaixonamento a actualidade. Algúns outros viven lonxe e temos que limitarnos a manter o contacto polas redes sociais. Entre estes últimos hai un, ao que chamaremos Antonio, co que teño unha estraña relación que non sei ben se chamar de amor/odio. Coñecémonos un día nunha presentación do meu libro de Centros de Transformación e dende aquela, supoño que pasmado polo volume do libro, dá por suposto que podo responder axeitadamente a calquera das súas consultas. E eu coma son moi vaidoso non quero que se convenza do contrario e as intento responder. Polo menos as que son de índole técnica que as de lexislación cústanme bastante mais.

Así que cando María lembroume que estes días remataba o prazo para mandarlle a miña colaboración pareceume interesante utilizar unha das súas consultas deste segundo tipo para abrir un debate entre os técnicos implicados dun ou outro xeito nesta problemática. Preguntaba Antonio cal era a postura das administracións públicas galegas, sinaladamente da Consellería de Industria da Xunta de Galicia, arredor da necesidade de asegurar a continuidade do funcionamento dunha instalación de ventilación dun aparcamento ou garaxe nunha situación de incendio mediante unha subministración complementaria ou sistema equivalente. El había realizado esta mesma consulta ao resto de administracións públicas de España encontrando entre as poucas respostas mais que unha disparidade de criterios unha ausencia total deles, para dar unha resposta razoada e ben argumentada.

Ollando atrás (sen ira)

A concentración de vehículos automóbiles nos sotos dos edificios de vivendas foi sempre un motivo de preocupación dos lexisladores industriais, tanto baixo o punto de vista dos riscos asociados á baixa calidade do aire respirable como do elevado perigo de incendio vinculado os grandes volumes de combustible presentes, e a posibilidade da súa perda ou trasfego.

Ao largo da historia industrial deuse a este tema diversas orientacións, sempre problemáticas porque o que solucionaba os problemas de calidade do aire respirable agravaba os riscos de propagar e avivar o lume en caso de incendio.

No que se refire ao noso país, as primeiras normativas especificas de ventilación de garaxes, das que teño memoria persoal como técnico, foron os artigos das Normas Básicas de Edificación da NBE-CPI-88 primeiro, seguidas pouco despois polas NBE-CPI-91 e NBE-CPI-96A para os criterios construtivos, e a MI-BT 027 do Regulamento Electrotécnico para Baixa Tensión, do ano 1973. Estas Normas Básicas de Edificación foron substituídas no ano 2006 polo Código Técnico da edificación, CTE, e o regulamento de baixa tensión de 1973 polo do 2002. A estes dous textos fundamentais temos que engadir que, como bos herdeiros dos romanos, Comunidades Autónomas e Concellos aplicáronse con afán a engadir páxinas e páxinas de normativa, cargada de boas intencións aclaratorias, pero confusa e contraditoria nos seus resultados.

Teño que recoñecer (Tino dixit)

Debemos recoñecer que a ventilación de garaxes é un tema dunha certa complexidade, que presenta unha tendencia natural ao caos, cando intentamos que unha única instalación responda axeitadamente a tres propósitos distintos cuxos condicionantes compre conciliar:

1.1. Garantir que non se acumule monóxido de carbono nin outros contaminantes en concentracións perigosas en ningún punto do aparcadoiro. O monóxido de carbono ten unha densidade menor que a do aire, polo que en condicións de libre circulación se acumulará nas partes altas do aparcadoiro. O resto de contaminantes, CO2, H2O, N2, CO, Óxidos de nitróxeno, chumbo, compostos sulfurosos, hidrocarburos etc., emitidos polos motores dos automóbiles na súa circulación polo garaxe, no mellor dos casos, teñen comportamentos varios.

1.2. Evitar a clasificación da instalación do garaxe como “local con risco de incendio ou explosión” consonte a MIE-BT-029 do REBT. Esta instrución no punto 4.2 Exemplo de emprazamentos perigosos, recolle especificamente entre os locais de Crase I aos garaxes, menos os de uso privado de menos de cinco prazas. A Guía técnica de Aplicación da instrución citada recolle no seu Anexo III o método para desclasificar os garaxes mediante a ventilación.

1.3. Garantir a evacuación dos fumes que podan xerarse en caso de incendio. Aínda que ventilar un local onde existe un lume ten o efecto claramente adverso de facer medrar a cantidade de osíxeno dispoñible para a continuidade do incendio, e en consecuencia a aceleración reacción de combustión, ten, pola contra, efectos positivos. En primeiro lugar garantir a evacuación de fumes que poidan xerarse en caso de incendio dalgún dos vehículos automóbiles no interior dun aparcadoiro, o que permite que as persoas que poda haber no seu interior continúen a respirar aire en troques dos fumes tóxicos produto da combustión. En segundo lugar manter a visibilidade necesaria para que ditas persoas presentes no local incendiado podan alcanzar doadamente as vías de escape. A terceira podería ser que a ventilación actúa minguando a temperatura interior do local, e finalmente a mellora da posibilidade mediante esta retirada dos fumes de alta opacidade, da localización rápida do foco do lume para os equipos de loita contra incendios.

Esta terceira misión, a evacuación dos fumes que podan xerarse en caso de incendio, é o cerne da consulta encol da necesidade de manter o funcionamento do sistema para o que gran parte da literatura tecnolóxica reserva o nome de “desenfumage”1

Estado actual del arte

Recordemos que os principais aspectos das instalacións eléctricas nos garaxes figuran na normativa actual, na instrución técnica complementaria ITC-BT-28 Instalacións en locais de pública concorrencia, na ITC-BT-29 Prescricións particulares para as instalacións eléctricas dos locais con risco de incendio ou explosión e na ITC-BT-20 Sistemas de instalación, aplicando os principios de escolla da canalización eléctrica en función das influencias externas da norma UNE 20460-5-52, actual UNE-EN 60364-5-52.

No punto 2.3 da primeira instrución citada, a ITC-BT-28 Instalacións en locais de pública concorrencia, se establece que os estacionamentos soterrados para máis de 100 vehículos terán que ter subministración de reserva, entendendo por subministración de reserva a que se efectúa pola mesma empresa fornecedora de enerxía por medios de distribución independentes, por outra empresa distinta ou polo propio usuario mediante medios de produción propia, por exemplo grupos electróxenos. O artigo 10 do REBT aclara que unha subministración complementaria pode ser considerada de reserva cando ten como mínimo unha potencia do 25% da potencia total contratada para a subministración normal.

Pola súa banda nos comentarios do Ministerio de Fomento ao Punto 8 Control do fume do incendio do Documento Básico do CTE SI 3 Evacuación de ocupantes, dise:

A subministración eléctrica das instalacións de control de fume de incendio dun aparcadoiro, […] debe […] garantir o control do fume de incendio durante a evacuación dos ocupantes. Enténdese que a instalación achega dita garantía cando o seu proxecto, execución e mantemento son acordes coa normativa técnica existente e coas regras de boa práctica xeralmente admitidas.

No caso da ITC-BT-29 Prescricións particulares para as instalacións eléctricas dos locais con risco de incendio ou explosión, o Anexo III Instalacións eléctricas en garaxes fornece abundantes indicacións para a planificación e deseño destas instalacións.

Finalmente citar para as instalacións en aparcadoiros o apartado 5.2 da norma UNE 23584, a norma UNE-EN 12101-10, o apartado 14.4 da norma británica BS 7346-7 e o artigo 4.5 da norma belga NBN S21-202-2, recoñecidas ambas as como aplicables polo Ministerio de Fomento.

El menos común de los sentidos

Todo este empacho normativo ten unha motivación clara: demostrar o perigo de achegarse demasiado ao bosque; percibes cada pequeno detalle de cada árbore pero perdes de vista o bosque. Perdes a visión de conxunto. Se retrocedemos un pouco e pensamos como debera funcionar igual obtemos algunha conclusión, recollida ou non polas normas, pero avalada pola lóxica e o menos común dos sentidos: o sentido común.

Lembremos que a pregunta específica do noso amigo Antonio era se debéramos instalar unha subministración complementaria, ou sistema equivalente, para asegurar a continuidade de funcionamento da ventilación de garaxes en caso de incendio. Adianto que, na miña opinión, e como repetía ata o fastío aos meus alumnos da Universidade, a resposta é: depende.

Explícome: para cumprir as misións citadas en 1.3 para a ventilación do aparcamento, é dicir, mellorar a calidade do aire respirable; manter a visibilidade necesaria para a evacuación dos ocupantes do local; diminuír a temperatura interior do garaxe e posibilitar a localización rápida do foco do lume para os equipos de loita contra incendios, é lóxico pensar que:

  1. O criterio fundamental de deseño da instalación será o de asegurar a retirada dos fumes produto da combustión durante un tempo suficiente como para permitir a evacuación segura do local e a chegada dos equipos de loita contra incendios.
  2. Para asegurar esta retirada dos fumes tódolos elementos da instalación deberan continuar funcionando de forma satisfactoria en condicións de temperatura elevada durante un tempo razoable.
  3. Os normalizadores chegaron ao consenso de establecer a temperatura do aire en 400 ºC e o tempo no que deben manter este funcionamento en 90 minutos.
  4. No estado actual da técnica os ventiladores de evacuación de fumes son accionados por un motor eléctrico. En consecuencia este motor deberá cumprir tamén esta condición: funcionar satisfactoriamente a unha temperatura de 400 ºC durante un mínimo de 90 minutos.
  5. A canalización eléctrica que fornece a enerxía eléctrica a este motor estará sometida, como é lóxico, á mesma esixencia de 400ºC durante un mínimo de 90 minutos.
  6. Tamén as proteccións eléctricas de liña e de motor deberán ser deseñadas tendo en conta esta esixencia.
  7. Tampouco a protección diferencial debera intervir intempestivamente nesta situación, polo que o réxime TT non parece o mais axeitado; mellor deseñar unha “illa IT” mediante un transformador de illamento.
  8. Finalmente, todas estas preocupacións de deseño son totalmente inútiles se non aseguramos a presenza de enerxía eléctrica de forma segura na alimentación.

E como faise unha fonte de enerxía suficientemente segura? Pois como xa adiviñariades: depende.

E un pouco mais en serio: en cada caso concreto a criterio do proxectista.

1 Nota : Desenfumage é claramente un galicismo tomado directamente da palabra francesa désenfumage, fait de désenfumer, d'évacuer la fumée d'un lieu.