Aproin Digital 183 / Recuperación de antiguo horno para tienda de catas  

Recuperación de antiguo horno para tienda de catas

Ribadavia

Se premia el ejercicio de diseño sobre un antiguo horno que se transforma en espacio para catas de vino, el minucioso ejercicio de diseño de mobiliario, el resultado dota de singularidad a la propuesta, intervención de una complejidad que poco se corresponde con la modestia de su superficie y presupuesto.

Arquitecto

Manuel Seoane Feijoo
María Sonia López Calvo

No corazón mesmo do Ribeiro, a reitoral de Santo André de Camporredondo evidencia mellor que ningún outro edificio a importancia vitivinícola desta comarca ao longo da historia, conxugando á perfección as calidades da arquitectura culta do XVIII, coas necesidades do mundo rural, nun sobranceiro conxunto que coa veciña igrexa, e o casal de Armán domina o extenso val. Como priorado de San Martiño Pinario, foi concibida dende os seus alicerces coma importante factoría que abastecese á matriz compostelá dos exquisitos caldos das ribeiras do Avia e do Miño.

Restaurada para acoller o Museo do Viño de Galicia nas primeiras décadas de século, dendê a súa apertura en 2019 pódense visitar tanto a exposición nas diferentes plantas da edificación principal coma as espectaculares adegas escavadas na rocha. Con todo botábase en falla un espazo para tenda e unha área para catas.

Unha pequena e modesta construción anexa (antigo forno) existente no patio exterior de acceso, que no seu momento quedou sen rehabilitar, propúxose dende a Consellería de Cultura para acoller os mencionados servizos.

As principais dificultades agochábanse en dar resposta a un programa excesivamente extenso e complexo nos apenas 30 m² útiles da pequena construción existente:

tenda, espazo para catas didácticas, incluindo mobiliario para exposición e almacenaxe de viños galegos, material promocional e publicacións, mostrador para atención, viñoteca, lavacopas, vertedoiro, mesa/cadeiras para catas interior/exterior, aseo adaptado...., mantendo e integrando nos novos usos o vello capelán do forno, e ao tempo facendo accesible un lugar a cota notablemente inferior á de acceso.

Ante a imposibilidade de que a construción existente acollese a totalidade do programa, optouse por trasladar o aseo adaptado a un novo volume independente acaroado, máis baixo, que ademáis permitise prolongando a súa cuberta nunha marquesiña acoller dalgún xeito a entrada, e á vez mitigar a excesiva altura, moderando as proporcións e carácter pouco afortunados dunha antiga reforma da fachada. Cumpriu tamén readaptar o acceso e os pequenos espazos exteriores para facilitar a accesibilidade cara a entrada e nas novas áreas.

Xa no interior, nun labor de minucioso amoblamento, o mostrador central resolve a indispensable diferenza de usos (tenda/área catas) e niveis, ao tempo que acolle viñoteca, vertedoiro, lavalouza e almacenaxe. Desdóbrase e elévase lixeiramente para a atención ao público, onde o material, madeira de pino, tamén se fai máis amable para o contacto directo.

Pero será sobre de todo o moble expositor mural, cos andeis botelleiros os que lle dan singularidade ao espazo. Unha secuencia alternada de variñas metálicas e táboas de pino, horizontais nun fronte, e verticais no outro, que se continúan e transforman en lamas de teito para tratar de resolver o pequeno caos anterior de pontóns e trabes, unificando visualmente e dinamizando o espazo, permitindo mesmo xerar a sensación de amplificación do pequeno recinto.

O pino claro e o taboleiro lacado branco son materiais sinxelos que se superpoñen con transparencia aos muros de pedra existentes, coa vocación de deixarlle o protagonismo ás etiquetas das botellas das diferentes denominacións de orixe dos viños galegos.

No mesmo sentido vai o solo continuo de microcemento que unicamente se interrompe para deixar que emerxa o forno interior.

Xunto as lamas de madeira do falso teito contribúen ao acondicionamento acústico do local, os paneis de heraklit tamén con illamento térmico incorporado, colocados sobre delas.

Punto de atención e o mobiliario da zona de catas (mesas, cadeiras…) deséñanse empregando os mesmos materiais que no expositor, aos que se engade o silestone branco no mostrador central de servizos.

Exteriormente o novo volume do pequeno aseo érguese con pedra en pezas abuxardadas e intencionadamente grandes, nun despece abstracto, contrapoñéndose á mampostería tradicional existente. Ambos volumes xónguense coa cuberta metálica revestida en aceiro corten prolongada na marquesiña de acceso. Materiais, pedra e corten, xa presentes no patio e noutras edificacións e elementos exteriores do museo.

No ingreso á nova peza aprovéitase para situar as instalacións de climatización, escamoteadas no espesor do cerramento tralas lamas tamén de corten. No interior do aseo, á pedra vista engádense despeces con paneis de resina termoendurecida en tonalidade corten, con continuidade no falso teito e nas carpintarías de acceso.

A renovación da cuberta de tella, limpeza, saneado e encintado das fábricas pétreas, incorporación de forxados sanitarios, instalacións e carpintarías, pavimentacións e urbanización exterior, equipamento así como o deseño de mobiliario exterior e interior en sintonía coa reforma completan unha intervención dunha complexidade que pouco se corresponde coa modestia da superficie e do orzamento.