Proxecto piloto de "Rúa Azul": Rúa peonil e ciclable de conexión interurbana

Concellos de Moaña e Cangas (intervención supramunicipal)

O xurado destaca o deseño dunha estratexia a escala territorial, que se materializa nun programa e nun proxecto piloto, que finalmente se constrúe como prototipo. Unha estratexia urbanística na que o arquitecto recupera o seu papel en todas as fases do proceso. Coida o preexistente, aceptando a paisaxe. É unha invitación a mellorar os espazos vertebrándoos.

Arquitectos
diego germade castelo | martín barreiro cruz

Esta intervención é a primeira rúa peonil intermunicipal construída no continuo urbanizado das Rías Baixas (1'2M·hab).

É unha rúa porque ao longo dos seus 5km de lonxitude está acompañada sempre por casas, equipamentos, espazos abertos, actividades económicas...

O cometido desta intervención é facer posibles novas formas de habitar a conurbación Moaña-Cangas, dotando o territorio dunha vía de comunicación cara as vilas máis próximas, ao mesmo tempo esa vía ten cualidades estanciais, para convertela nunha rúa, a escala humana, na que acontecen cousas, nas que hai tránsito... e xanelas que transmiten seguridade. O Camiño Real Moaña-Cangas non é un paseo marítimo, tampouco un arcén de cor albero, tampouco unha beirarrúa e moito menos un sendeiro polo monte: é unha rúa!

Dende o levantamento, o control polo detalle foi imprescindible para acadar un prezo global de 50 €/m². Cada pequena mellora feita nesta paisaxe debía engarzarse coas preexistencias, facelo sutilmente máis agradable á vista pero infinitamente máis confortable ao uso saudable, sostible, cohesivo, rexenerador... urbanizante.

Este proxecto é un piloto, un prototipo, unha mostra de que non é imposible dotar de estrutura a nosa morfoloxía informal por antonomaxia: o rururbano. Agora que o planeamento estratéxico se impón sobre os PXOMs, este proxecto fai unha proposta (un Plan), pragmático, de mínimos... e ao mesmo tempo cunha elevada capacidade transformadora.

Este proxecto pode ser visto como unha reurbanización, ou deseño urbano, pero pretende ser unha estratexia de rexeneración para o periurbano de vilas e cidades. O proxecto piloto supón a posta en obra de elementos construtivos deseñados ex-profeso, pensando no contexto, híbrido, tan conflitivo/controverso para os relatos arquitectónicos máis canónicos.