Rehabilitación de edificio para o Centro Galego de Innovación da Formación Profesional
Ourense
Baixo criterios de sustentabilidade, o proxecto da resposta á necesaria revitalización e reciclaxe dun edificio obsoleto e en desuso. Transformar sen necesidade de demoler. Rehabilitar sen necesidade de construír de novo borrando por completo o pasado.
Arquitectos
alexandra estefania vazquez müller | roi feijoo rey | santiago garcia camacho
No ano 2019 recibimos o encargo de rehabilitar o antigo edificio da Escola Hogar de Mariñamansa en Ourense para reconvertelo nun gran contedor que puidese albergar todo tipo de actividades relacionadas coa investigación e a innovación na formación profesional, e ademáis funcionar como un espazo onde establecer relacións entre as empresas privadas e as distintas áreas da educación profesional.
A Escola Fogar era unha residencia de estudantes vinculada ao colexio de Mariñamansa na que durante o curso escolar aloxábanse uns 300 estudantes procedentes de zonas rurais afastadas do centro escolar e fillos de emigrantes.
O edificio orixinal, construído no ano 1970, era obra dos arquitectos madrileños Emma Ojea e Walter Lewin, e caera en desuso facía unha década.
Antes de comezar o proxecto realizouse unha pormenorizada análise estrutural e construtiva do edificio existente para determinar a viabilidade do seu aproveitamento para o novo uso proposto, e considerouse técnicamente viable manter os cerramentos exteriores e os seus ocos, e a estrutura metálica do edificio reforzando previamente todos os forxados existentes do tipo Rubiera Stalton, as vigas de maior luz e algúns soportes, para cumprir as condicións de resistencia e deformación esixidas pola normativa actual.
As principais estratexias adoptadas á hora de abordar o proxecto de rehabilitación foron as seguintes:
- Demoler as cubertas inclinadas de fibrocemento e tella, engadidas ao edificio orixinal no ano 1988, para instalar en todo o edificio unha cuberta verde extensiva con rega integrada e recuperación de augas pluviais para o seu uso. Incorpórase ademais unha instalación fotovoltaica de 35 Kw para autoconsumo compatible coa cuberta ecolóxica.
- Construír dous novos núcleos de comunicacións verticais acaroados ao edificio existente para mellorar as circulacións interiores do edificio e facer máis lexible a súa configuración para os novos usuarios.
- Co obxectivo de conseguir 4 áreas de traballo de maior superficie, decidiuse enlazar os brazos existentes en planta baixa. Estes patios ocupados, coa súa cuberta verde, xeran xardíns que se relacionan directamente coas aulas de planta primeira.
- Unha vez cubertos os patios en planta baixa e establecidos os núcleos de comunicacións, obtemos 4 áreas de traballo similares en superficie, forma e posibilidades de configuración interior e cunha dotación completa e independente de instalacións.
- En planta baixa sitúanse as áreas de traballo de carácter máis industrial e aquelas actividades que precisen maquinaria pesada ou de maior altura. Todos estes talleres contan con accesos independentes desde o exterior que permiten introducir vehículos e maquinaria de traballo.
- En planta primeira sitúanse aquelas áreas máis relacionadas coa docencia e a investigación, como aulas e laboratorios, ademais de áreas de reunión, relación e descanso. Empréganse divisións diáfanas fixas e móbiles, segundo as necesidades, e créanse amplas zonas de circulación que deixan espazos intermedios que se poden converter en salas de reunión informais e espazos de encontro relaciondos co exterior axardinado.
- As instalacións e o seu trazado xogan un papel transcendental na capacidade de adaptación e flexibilidade dun edificio destas características. A estratexia escollida para garantir esta flexibilidade consiste en permitir que as 4 grandes áreas de traballo do edificio poidan dispoñer dun xeneroso núcleo técnico independente, formado por pantallas de formigón, que ademáis axudan a rixidixar o conxunto estrutural, polo que discorren o trazado de todas as instalacións que precise cada área actualmente e no futuro. Estes núcleos desenvólvense verticalmente desde a planta baixa ata a área técnica da planta de cuberta, permitindo a ampliación das instalacións e a introdución dalgunha nova se é necesario. Estes 4 núcleos comunícanse horizontalmente en cada unha das plantas.
- Establecer como unha prioridade a mellora da demanda enerxética do edificio mediante un alto illamento térmico e unhas instalacións altamente eficientes, logrando unha cualificación enerxética A e un consumo de enerxía primaria non renovable de tan só 23,3 Kwh/m2.ano, un valor moi reducido para un edificio destas características.
Este proxecto trata de propoñer, baixo criterios de sustentabilidade, unha resposta á necesaria revitalización e reciclaxe dos nosos edificios obsoletos ou en desuso, sen necesidade de seguir construíndo de novo esquecendo por completo o noso pasado.