Aproin Digital 138 / Instalaciones Eléctricas  

instalaciones eléctricas

Manoel da Costa

perito industrial pola eueti de vigo_

 

Fraude nos contadores intelixentes

Resulta sinxelo manipular á xente. E de xeito especial nos temas que teñan que ver coa ciencia ou a tecnoloxía. Abonda con axitar o espectro do científico tolo, ou da conspiración dos poderosos para conseguir audiencia. Exaxerar, desfigurar, converter calquera miudeza en ameaza grave, utilizar fontes de aparente prestixio vulgarizando ata a caricatura as súas afirmacións, utilizar a parte da información que sustenta a nosa teoría escondendo á que a contradí, son formas habituais de proceder de certos medios de información.

O malo é cando esta manipulación é utilizada por algúns para agradar aos seus partidarios, porque, como dicía un renomeado político, so a verdade é revolucionaria. Malo se a utilización é por ignorancia, pero moito peor se utilízase a mantenta, coñecendo a súa falsidade, porque a mentira ten as patas curtas e sen tardar volverase contra de nos.

Bo exemplo do antedito é o artigo publicado pola Plataforma cidadán de investigación xudicial do sector eléctrico, cuxo enlace incluímos nesta ligazón.

No seu titular atopamos a primeira afirmación carente do necesario rigor: "Tres Universidades Europeas demuestran el fraude en las lecturas de los Contadores Inteligentes.

Se continuamos a lectura podemos saber que as tres Universidades en cuestión son a Universidade de Twente, a Universidade de Ciencias Aplicadas de Amsterdam e a Universidade de Tecnoloxía de Hamburgo, institucións todas elas que non suscitan sospeitas. “Home! Pois se o din esas tres universidades será certo!” Pois non tal! Porque non son as universidades os que tal cousa afirman, senón o aparente resultado do traballo de fin de carreira dun tal Anton Melentjev no ano 2015. De feito non sabemos cal é ese resultado porque non hai enlace a este traballo, pero iso non é óbice para que o afervoado articulista afirme:

Hay contadores digitales que pueden dar lecturas falsas de hasta un 582% que [sic] el consumo real de energía.

De que “haxa contadores (entre os estudados no 2015 en Holanda por Melentjev) que poidan verse afectados por interferencias electromagnéticas” a que os contadores instalados en España e homologados polo Ministerio de Industria na súa ITC/3022/2007, de 10 de outubro, e cumprindo a Directiva MID da UE, (https://www.boe.es/doue/2004/135/L00001-00080.pdf) estean na mesma situación hai un abismo. Os contadores de enerxía eléctrica son, por razóns evidentes, uns dos aparatos con mais normativas enriba. Non digo que os fabricantes de contadores eléctricos non sexan todos eles unha manda de delincuentes, que o serán, senón que os estados da UE, andan enriba deles para que, polo menos, o fraude lles resulte menos doado. (Retranca galega en modo ON)

Se estudamos con atención a ilustración que acompaña o artigo e que supoñemos que é a do laboratorio empregado por Melentjev para ás súas probas, a dúbidas fanse mais evidentes. Cando queremos probar a incorrección das indicacións dun aparato de medida se procede a comparar o medido polo aparato probado coas dun instrumento “patrón” nun entorno controlado e dunha forma concreta especificada nas correspondentes normas. Na fotografía que se inclúe na páxina (se é a do estudio citado) non existe tal instrumento “patrón”, os contadores son dun modelo que non corresponde cos contadores actuais, a proba faise con contadores monofásicos e trifásicos, pero a alimentación é monofásica. En resumo: a montaxe é mais propia dun laboratorio dunha universidade adaptado para un traballo de fin de carreira que de un auténtico laboratorio de calibración como o necesario para que unha denuncia de fraude teña a mais mínima posibilidade de ser tida en conta.

Tamén se comenta que:

En los experimentos, cinco de los nueve contadores inteligentes dieron lecturas que eran mucho más altas que la cantidad real de energía consumida. De hecho, en algunas configuraciones, estas eran hasta un 582% más altas.

A cousa é que nos contamos once, non nove contadores, aínda excluíndo os dous do sistema Ferraris que imaxinamos que se utilizan como comparación. Tampouco se aclara cal era a “configuración” que provocaba que a medida fora case que seis veces superior á real, nin se apunta á causa que o investigador atribúe a esta disparidade, difícil de entender en calquera aparato de medida.

Mais adiante leemos que os contadores que miden de mais son aqueles cuxa medida (non control) da intensidade faise mediante unha bobina Rogowsky, e os que miden de menos os que miden mediante sensores de efecto Hall. Moi boa noticia! Porque nos contadores actuais, os contadores para medida fiscal non teñen bobinas de intensidade Rogowsky nin sensores de efecto Hall, que si se usan noutras aplicacións de medida, pero que, dende logo, non son sospeitosos deses errores de medida se están fabricados baixo unha norma de medida de calquera orixe ou tipo.

Outro aspecto mais a comentar arredor das informacións do artigo é que a Directiva Europea de Eficiencia Enerxética 2012/27/UE si que está trasposta á lexislación española, e que a norma IEC 61000-4-19 que cita non afecta aos contadores senón ás Técnicas de ensaio e de medida utilizadas para comprobar esa compatibilidade, da que existe a correspondente Norma española, a UNE-EN 61000-4-16:2016. Compatibilidad electromagnética (CEM). Parte 4-16: Técnicas de ensayo y de medida. Ensayo de inmunidad a las perturbaciones conducidas en modo común en el rango de frecuencias de 0 Hz a 150 kHz.

De tódolos xeitos o que sexa soará, porque se afirma no artigo que a Plataforma está polo labor de denunciar a instalación deses contadores diante da Audiencia Nacional. Ou sexa que cando presenten a denuncia xa saberemos que parte das Directivas da UE relativas á eficiencia enerxética dos edificios é a que non cumpren eses contadores que miden case que seis veces mais.

Finalmente e xa moito mais en serio. Na miña opinión o verdadeiramente lamentable dos contadores intelixentes é que os poderes públicos, que deben ser garantes da equidade nas relacións entre os poderosos e a xente do común, non dean os pasos axeitados para que toda a información de consumos, potencias, máximos, etc., que estes contadores intelixentes fornecen, non estean doadamente accesibles ao consumidor para que este poda tomar ás súas decisións correctamente informado.