Restauración da portada norte do cruceiro da Catedral de Ourense

Arquitectos

Manuel Seoane Feijoo

Sonia López Calvo

Promotor

Consellería de Cultura, Educación e

Ordenación Universitaria

Dirección Xeral de Patrimonio

Constructor

Construcciones Orega, S.L.

A fachada norte do cruceiro da Catedral de San Martiño de Ourense, resume boa parte da historia da cidade e mellor que calquera outro lugar actúa coma un disco duro no que se gravase a transición da Idade Media á modernidade en Galicia.

O enorme fito que foi para o mundo o Pórtico da Gloria da catedral compostelá, chegou a Ourense máis directamente que a calquera outro lugar, da man dos propios protagonistas, que continuaron aquí o seu labor artístico, concretando os magníficos conxuntos das fachadas dos cruceiros, e esculpindo a fermosa colección dos aleiros da cabeceira do templo.

Pero as loitas irmandiñas que foron derivando nos enfrontamentos entre o concello e o bispo, e ao fin entre a nobreza galega, tiveron este lugar, coma principal punto de confrontación, destruíndo boa parte da fachada, que tería que ser levantada nos anos finais do século XV, custeada polo Conde de Benavente, aproveitando o material existente, e dándolle un novo aspecto, xa cos criterios da luminosidade gótica.

Os intentos de preservar o fermoso conxunto cos criterios de mediados do século XX, cubrindo con cera unhas figuras xa moi deterioradas, non cumpriron os obxectivos, alterando moito o aspecto do conxunto escultórico e mesmo xerando un maior deterioro dalgunhas zonas.

Dende o punto de vista arquitectónico, este tipo de intervencións, son sempre apaixonantes, pero esixen tamén unha renuncia a calquera tipo de protagonismo que puidese minguar a forza dunha obra artística de referencia. O labor céntrase en coordinar un equipo multidisciplinar no que canteiros e restauradores son protagonistas. A calidade do resultado irá en dúas direccións, por unha banda a capacidade de integrarse coa máxima discreción e sen estridencias no conxunto da catedral, e por outra, a eficacia das actuacións e tratamentos para preservar ao longo do tempo unha obra irrepetible.

As intervencións centráronse en 3 zonas singulares: a portada co seu conxunto escultórico, o tímpano e o rosetón. Actuouse tamén sobre o resto da fachada procurando darlle uniformidade e integrala cos paramentos veciños.

  • Na portada propiamente dita e na súa magnífica escultura, os tratamentos foron encamiñados á eliminación dos tratamentos de ceras preexistentes con diferentes métodos (vapor de auga, microproxeccións de precisión e limpezas manuais), previa preconsolidación das zonas máis alteradas. Acometéronse asimesmo procesos de desalinización e consolidación das zonas degradadas, con importantes desplacamentos e arenizacións, mediante consolidantes de silicato de etilo.
  • No tímpano as patoloxías principais ocasionáranas as colonizacións biolóxicas xeradas tanto pola vexetación coma polas pombas que alí se acollían, e polos intentos previos de evitalas dispondo sobre as esculturas pinchos de aceiro tomados con silicona de poliuretano, que xa afectara negativamente á pedra. Nesta zona a eliminación dos mesmos e os tratamentos de limpeza, completáronse tamén coa extracción de sales mediante papetas de celulosa.
  • No rosetón, de imponentes dimensións, as intervencións centráronse en recuperar no posible, unha xeometría moi alterada polos desprazamentos da bóveda que ocasionaron a descolocación e rotura das pezas que compoñen o singular calado deste elemento incorporado á fachada na reconstrución do século XV. Foi preciso acometer o apeo en altura do rosetón, a desmontaxe e recolocación de parte dos seus elementos, a eliminación de anteriores reintegracións de morteiros de cemento, a execución de cosidos das pezas fracturadas e agretadas mediante variñas de fibra de vidro e aceiro, e resinas compatibles coa pedra. Recolocáronse as distintas pezas e fixéronse os enxertos e reconstruccións volumétricas precisas, recuperando unha xeometría que se ultimou coa recolocación de novos vidros. Procesos de preconsolidación, desalización, limpezas e consolidacións completaron estas actuacións.

Coa intención de que estas intervencións perduren no tempo leváronse a cabo outras actuacións na fachada, sempre na procura do menor impacto visual posible e a súa integración no conxunto:

Dispuxéronse proteccións mediante láminas de cobre engatillado na coroación superior dos muros, tejaroz e nas distintas superficies horizontais e resaltes, que ata o de agora posibilitaban importantes retencións de auga que derivaban nunha elevada humidade dos paramentos pétreos e migracións salinas, co consecuente deterioro da pedra, favorecendo asimesmo as colonizacións biolóxicas (musgos, líquenes, plantas…) e os seus danos asociados.

Colocáronse distintos elementos de protección para evitar tanto os actos vandálicos coma os efectos negativos da intensa acción das aves. No rosetón, atendendo a súa configuración e maior situación en altura, dispúxose unha celosía metálica formada por bastidor perimetral de pletina de aceiro inoxidable e malla fina tamén de aceiro, instalada sobre as estructuras pétreas concéntricas que rodean o óculo central do rosetón. No tímpano, a fin de minimizar o máximo o impacto visual, colocáronse proteccións de nylon, case imperceptibles. Noutras zonas nas que se prevía unha posible ubicación das pombas, instaláronse pinchos de aceiro, que se integraron no deseño das propias cubricións de cobre, para evitar accións directas sobre a pedra.

A limpeza e encintado do conxunto, completáronse tamén con outras intervencións coma a recuperación da carpintería de madeira da porta e as súas ferraxes.