Aproin Digital 128 / Discurso del presidente de la Xunta  

Discurso de Alberto Núñez Feijóo

Presidente de la Xunta de Galicia

 

Autoridades presentes,
señoras e señores,

Nun mundo en constante movemento, o que queda no mesmo lugar retrocede. Pasaron xa máis de 150 anos desde que Lewis Carrol escribiu Alicia no país das marabillas, pero a súa sentenza segue sendo válida. Co matiz importante, de que a transformación da sociedade da que falaba acadou hoxe un ritmo frenético.

Cómpre sempre adaptarse, mudar cos tempos, camiñar cara adiante… non podo estar máis de acordo. Pero estou igualmente convencido de que precisamos conservar aquilo que se fai ben e que é necesario conservar aqueles espazos inmutables que forman parte da nosa historia, da nosa cultura e que formarán parte, sen dúbida ningunha, do futuro da sociedade.

Así que felicito a Asociación de Promotores Inmobiliarios de Pontevedra por querer seguir sendo un colectivo que fomenta e recoñece a calidade na construción…

…por seguir apostando pola unidade e conxunción de esforzos para manter a fortaleza dun sector especialmente sacudido pola crise económica dos últimos anos

….e por convidarnos hoxe, non a un novo tipo de celebración, senón á entrega dos Premios Aproin de sempre e que ao longo dos últimos 24 anos ten demostrado ser un foro de enorme eficacia e utilidade para reflexionar conxuntamente e desde diferentes perspectivas sobre o presente e o futuro da promoción inmobiliaria.

24 anos é moito tempo nun foro que trata de medir a eficacia, a utilidade, a calidade, a excelencia, o rigor, iso é moi importante. Iso anima a outros foros e anima tamén as administracións públicas.

Nesta ocasión, como en cada edición deste encontro, vemos nos traballos galardoados a confirmación de que é posible apostar polo progreso e a modernidade sen renunciar a valiosa premisa de procurar a excelencia do traballo ben feito. É posible apostar pola calidade e é posible apostar pola eficiencia. Este é o círculo virtuoso da construción.

Nada máis alleo ao sector inmobiliario que o inmobilismo, e moito menos despois desta longa travesía no deserto que comezamos a deixar atrás, e na que, precisamente, as posibilidades de supervivencia foron directamente proporcionais á capacidade de adaptación do sector da construción.

Na actualidade as circunstancias da promoción inmobiliaria seguen hoxe lonxe de ser as que foron antes da crise. Probablemente tampouco é aquel o escenario o que debemos aspirar a repetir como sociedade. Pero tamén é certo que as perspectivas son hoxe moito máis favorables que nos últimos anos e mesmo permiten presumir un gran futuro para o sector da construción en Galicia.

Esta mesma semana o Ministerio de Fomento deu a súa conformidade á planificación coa que a Xunta de Galicia prevé investir 107 millóns de euros (entre o 2018 e o 2021) que supón o Plan estatal de vivenda, e que supón un 62% máis que o plan anterior.

Trátase dun plan que busca devolver os primeiros efectos positivos da crise. Facer política de vivenda é facer política social. Cando un goberno inviste en vivenda está investindo en política social. Facer vivenda en Galicia é unha parte da política social do Goberno, non soamente polo emprego que xera, pola actividade económica que move, senón porque boa parte do plan estatal de vivenda ten unha relación directa coas rendas baixas e coas rendas máis desfavorecidas.

Trátase dun destacado volume de recursos que desde o Goberno galego xestionaremos como unha valiosa oportunidade para avanzar cara aos obxectivos que nos temos marcado nunha materia social de primeira orde, como é a vivenda: o fomento do alugueiro, o impulso á rehabilitación, a loita contra os desafiuzamentos e algo que conseguimos desde Galicia que son as especiais condición para a compra, a rehabilitación, ou a execución de vivenda en concellos de menos de 5.000 habitantes, polo tanto velar pola dinamización do medio rural. Con especial fincapé para o sector novo e para o sector maior, para as persoas que están empezando ou están acabando a súa vida.

Todo iso co obxectivo de conceder máis de 32.000 axudas e mellorar a vivenda. O impacto que terán na economía serán como mínimo un impacto de 250 millóns de euros e contribuíndo á creación e mantemento de case 11.000 postos de traballo e 18.400 familias beneficiadas. Eu espero que nas próximas semanas empecemos a implementar este plan, a baixar as ordes convenientes ao Diario Oficial de Galicia para que estes 107 millóns de euros de forma inmediata na economía galega.

Ademais diso, os Orzamentos da Xunta de Galicia para 2018 manteñen un aumento que supera o 12 % se falamos da rehabilitación do patrimonio construído, ao que este ano dedicaremos 40 millóns de euros. Polo tanto, temos o mellor plan de vivenda da última década, e temos un incremento do presuposto da comunidade autónoma dun 12%.

Por tanto, o que estamos intentando é poñer outra vez en marcha o sector, velar por que nesta nova etapa, ademais de que importe o “canto”, importe “o como”: o como construímos, a calidade do que facemos, o impacto na paisaxe dunha construción, o impacto urbanístico e de ordenación dun edificio nunha cidade.

Quero felicitar dunha forma moi clara as dúas institucións que nos reúnen hoxe: en primeiro lugar, á construción Civis Global co edificio de vivendas de Gescomar na rúa Alfonso XIII co deseño do arquitecto Clemente Sequeiros e da construtora que acabo de referir. Tamén quero felicitar loxicamente á residencia de Intercentros Ballesol, executada por Construcciones Ortega sobre un proxecto de César Álvarez e Carmen Gallego.

Son dous exemplos de bo facer, que acreditan que construír con calidade sempre paga a pena. Paga a pena procurar as mellores condicións para a vivenda e tamén paga a pena apostar por unha construción ordenada, planificada e con plena seguridade xurídica.

E paga a pena que as Administracións públicas nos tomemos en serio este asunto. Paga a pena porque tomándonos en serio este sector, tomámonos en serio aos cidadáns, aos traballadores, ás facendas públicas.

Desde ese convencemento no Goberno galego intentamos traballar durante todo este tempo. Sabemos que hai que ordenar o territorio, sabemos que o urbanismo é unha cuestión de primeira orde e sabemos que non era fácil na Galicia de hai dez anos iniciar estas tarefas. Hoxe podemos dicir, con todo, que hai cousas que temos conseguido.

Sabemos tamén que temos que ser sensibles nos momentos de especial dificultade e sabemos que esta cidade está pasando un momento de especial dificultade no que ao sector da construción se refire, como consecuencia da anulación do plan xeral a finais do ano 2015.

Non é fácil coexistir, vivir, na primeira cidade de Galicia cun plan xeral do século pasado. Non é fácil crear emprego no ámbito da construción cun plan xeral de 1993. Por iso, o primeiro que fixemos, un Goberno responsable, é entrar ao rescate desta situación, aprobar un proxecto de lei no goberno, remitilo á Cámara, e hoxe poder felicitar e felicitarnos a todos por ter unha lei autonómica que demostrou a súa eficacia e o seu impacto na economía real, na economía de Vigo e tamén, por suposto, que vale para outros concellos que queden sen plan xeral.

Sen esa lei, hoxe non poderíamos estar facendo as furgonetas de PSA. O impacto que supoñería que Citröen non puidese acomodar a súa factoría aos novos pedidos é evidente que sería un desastre para Vigo, para as máis de 20.000 familias e para a economía galega.

Con esa lei tamén puidemos ampliar o Ifevi e con esa lei imos poder construír a estación intermodal.

Durante esta crise intentamos, como é a nosa obriga, velar sen ningunha dúbida pola situación de Vigo. Así, licitamos un hospital con 350 millóns de euros, que era a única obra pública que se estaba construíndo na época.

Durante este tempo mantivemos o noso compromiso co Casco Vello, co 90% da participación nel para que polo menos non se parase esta actuación.

Ademais, durante este tempo de crise, inxectamos, desde 2012, 208 millóns de euros na construción da maior depuradora feita nunca pola Xunta e, segundo a ministra, a maior depuradora feita nunca polo Goberno de España.

Imos seguir traballando. Mentres non haxa plan xeral, a Xunta ten obxectivos claros. Queremos desenvolver 1.600 vivendas en Navia porque estamos dispostos a priorizar esa infraestrutura de vivenda en Vigo sabendo as dificultades dunha cidade sen plan xeral.

Temos que construír a Cidade da Xustiza como un elemento, como unha icona desde o punto de vista edificatorio no centro de Vigo e, por suposto tamén no que a construción se refire, a autovía entre Vigo e Porriño, con 337 millóns de euros que sen dúbida vai marcar un impacto na economía de Vigo, un impacto na economía da área metropolitana.

Señoras e señores, síntome moi orgulloso desta reunión de promotores, de construtores, de técnicos, para mandar unha mensaxe á sociedade de apostar pola calidade, apostar por un urbanismo serio, por un urbanismo que dea seguridade xurídica.

Ao final, da mesma forma que en 2009 había unha profunda crise do sector do automóbil e había unha profunda crise do sector naval, hoxe por hoxe, Vigo e a súa área metropolitana, tanto no ámbito naval como no ámbito da automoción, teñen boas noticias, así polo menos o refiren os empresarios que se dedican a este sector.

En hora boa a todos dicirlles que nos inspiramos nestas décadas que viñemos por aquí e imos a convocar en abril o noso segundo premio de arquitectura e rehabilitación.

Moitas grazas.