Discurso de Alberto Núñez Feijóo
Presidente de la Xunta de Galicia
Hai tradicións que funcionan como termómetros do tempo en que vivimos. Despois de 23 edicións, os premios que convoca a Asociación de Promotores Inmobiliarios de Pontevedra teñen acadado esa categoría, sendo xa esta oficialmente, a data na que cada ano o sector se reúne para ollarse no espello.
Como presidente da Xunta de Galicia quero agradecer a oportunidade que me brinda Aproin de participar sempre neste encontro e, dese xeito, coñecer de primeira man as inquedanzas e as reflexións dun colectivo profesional e produtivo de importancia estratéxica para o progreso de Galicia.
E é o feito de ter asistido puntualmente a esta cita nos últimos anos o que permite afirmar con total convencemento que chegou o momento de pensar o presente e o futuro con optimismo.
Acudín aquí hai por primeira vez hai uns anos, chamado pola responsabilidade de acompañar no peor momento a un ámbito produtivo especialmente golpeado pola crise económica. Pedín resistencia para manter ao sector, pedín esperanza e recibín comprensión ante a necesidade de contraer o gasto en investimento e dedicar os orzamentos á protección dos servizos públicos dos galegos.
Pouco a pouco, a un ritmo insoportablemente lento para moitos, foi mudando a cor do horizonte coa aparición de indicios positivos que hoxe podemos dar por felizmente consolidados.
O edificio promovido polo grupo Laxas na rúa Mantelas, que hoxe recolle o Premio Aproin, así como o labor empresarial do Grupo Viqueira son a mellor representación da enerxía, a audacia e do entusiasmo que revive nun sector que nunca se resignou ao declive.
Nesta xornada na que almorzamos cos datos máis positivos en moito tempo sobre o sector inmobiliario, quero recoñecer a fortaleza dos empresarios, profesionais e traballadores que comezades a finalizar unha longa travesía polo deserto.
A construción de vivendas medra en Galicia ao mellor ritmo desde 2012 e contribúe dese xeito á xeración de riqueza, emprego e dinamismo económico na nosa Comunidade.
Estamos ante un novo síntoma de que a recuperación económica é xa unha realidade incuestionable da que todos os galegos debemos sentirnos colectivamente artífices.
Xuntos anticipámonos e preparámonos para afrontar a recesión. Xuntos sacrificámonos e aguantamos o embate sen renunciar a unha mellor sanidade e a unha educación máis completa. E xuntos aboamos o terreo para preparalo para un novo crecemento económico sólido, integrador e sustentable.
Lográmolo. A economía volve a medrar, creamos emprego e dispoñemos de máis recursos públicos para avanzar na protección social e apoiar o desenvolvemento empresarial. Pero sería un erro imperdoable pensar que chegados a este punto podemos deixarlle paso á inercia porque os éxitos virán rodados.Fixemos o máis difícil.
As cidades galegas, con Vigo á cabeza, deben funcionar como os motores que lideren a nova etapa de dinamización económica, favorecendo os investimentos públicos e privados que crean emprego e proporcionan progreso, oportunidades e calidade de vida aos cidadáns.
Os responsables políticos, que actuamos cando foi necesario facelo para minimizar os efectos da crise, estamos obrigados tamén agora a tomar decisións para garantir que Galicia se move co vento da recuperación. Porque quedarnos parados sería, sen dúbida, perder.
Coa confianza renovada que nos outorgaron os cidadáns o pasado 25 de setembro, desde a Xunta traballamos para que Galicia gane e aproveite cada unha das oportunidades que se lle presenten.
E Vigo é seguramente, o maior exemplo actual, deste novo tempo de optimismo, mais tamén de dificultades que fan imprescindible a acción decidida das administracións públicas para superalas:
Oportunidades de desenvolvemento empresarial como a que representa a ampliación do polígono de Balaídos para a consolidación do gran activo industrial que representa a automoción na área sur de Galicia.
Oportunidades para a proxección exterior, como o proxecto de ampliación de Ifevi, que contribuirá a situar outra vez esta cidade como referente mundial de encontros pesqueiros, un sector no que Vigo ostenta unha posición de liderado.
E oportunidades de calidade de vida, competitividade e emprego como a que representa a estación intermodal, que integrará a terminal de autobuses na de ferrocarril, permitindo un intercambio áxil e seguro entre os modos de transporte público, e albergará ademais o Centro Vialia.
Sería difícil explicarlles aos vigueses que, agora que o contexto económico fai viable estes proxectos longamente agardados nesta cidade, deben renunciar a eles porque a Xustiza anulou o Plan Xeral de Ordenación Municipal.
Así o entendemos na Xunta e por iso desde o primeiro en que coñecemos a sentenza nos puxemos a traballar na procura da fórmula adecuada para evitar que Vigo quedase bloqueado pola falta de normas urbanística que recollan as necesidades actuais desta urbe.
E mentres mantemos a man tendida para colaborar co Concello na elaboración dun novo Plan Xeral, aprobamos nun tempo récord a Lei que hoxe permite que –se hai o mesmo nivel de implicación da administración local- os proxectos estratéxicos de interese público que están en marcha nesta cidade obteñan amparo urbanístico en 6 meses e podan converterse en realidade.
E complementamos esa vía de actuación coa aprobación de instrumentos de ordenación urbanística provisional para reforzar a seguridade urbanística das licencias concedidas antes da caída do Plan Xeral e a actividade económica en determinados ámbitos.
Pero queremos contribuír tamén á recuperación da construción e do sector inmobiliario e de facelo igualmente con especial fincapé nesta cidade, que está á cabeza das necesidades sociais en materia de vivenda.
Por ese motivo, actualmente estamos a traballar na construción de máis de 60 vivendas de promoción pública en Cambeses e na rúa Chantada, cuxas obras comezarán este mesmo ano.
Ao tempo que avanzamos, a través do Consorcio do Casco Vello, na recuperación de 9 vivendas e na adquisición de novos inmobles no Berbés para darlle continuidade a ese gran proxecto de recuperación do núcleo histórico de Vigo do que nos sentimos especialmente orgullosos.
Pero, sobre todo, é a confianza en Vigo como motor da recuperación económica, a que motiva que a Xunta estea a impulsar nesta cidade o maior proxecto en marcha en Galicia para a construción de vivendas protexidas.
E tendo en conta que a situación urbanística dificulta as novas construcións, agardamos que, de modo inmediato, o Concello lle dea luz verde ao Plan Parcial que lle vai permitir á Xunta desenvolver en San Paio de Navia unha área residencial de 1.600 vivendas sociais.
Trátase da maior oportunidade que se presenta en moito tempo para dar resposta ás familias que precisan do apoio das administracións para adquirir unha vivenda propia, e ao mesmo tempo, contribuír á dinamización dun sector produtivo cunha gran capacidade para a creación de emprego.
Temos xa investido 10 millóns de euros na compra dos terreos aos propietarios, iniciamos o proceso de contratación das obras de urbanización e só agardamos a luz verde urbanística para que o proxecto bote a andar.
Vivimos, como dicía, tempos de oportunidades que non podemos deixar pasar. E neste momento decisivo, hai quen elixe a parálise e hai quen prefire, como sempre, a confrontación. Pero no Goberno galego só contemplamos como opción avanzar.
Pero tamén podo asegurar que o Goberno galego seguirá a facer todo o que estea ao seu alcance para que o país avance e para asegurar que o esforzo que fixeron os galegos e os vigueses durante a crise teña pagado a pena.